domingo, 31 de octubre de 2021

Francisco Martínez: “O movemento guerrilleiro permitiu manter viva a mobilización antifascista”

Francisco Martínez: “O movemento guerrilleiro permitiu manter viva a mobilización antifascista”


Francisco Martínez, “Quico”. (Foto: Xosé Luis Fernández Rivera)

Coa perspectiva do tempo transcorrido, máis de 80 anos desde o levantamento fascista e máis de 60 desde o cesamento da actividade guerrilleira, que valoración fai do traballo desenvolvido pola guerrilla na Galiza e León e da súa significación política?

Malia o seu fracaso militar, o movemento guerrilleiro en León e na Galiza baseado nunha ampla rede social permitiu manter viva unha mobilización antifascista e a cultura democrática da Segunda República que fora arrebatada co golpe militar de Franco.

Tense referido en diversas ocasións ao que cualifica como “carácter singular” das guerrillas galegas e leonesas. En que consiste esa singularidade e cales son os aspectos diferenciais da actividade guerrilleira neste espazo en relación coa loita que se producía noutros territorios do Estado?

En León e na Galiza, o movemento guerrilleiro xestouse desde 1936 coa solidariedade popular aos fuxidos vítimas da represión imposta polos fascistas. A partir de 1937 e sobre todo desde 1942, cando se estrutura a Federación, esa resistencia social vincúlase aos grupos armados que viñan da fronte norte con moita preparación política e militar. Polo tanto, estas guerrillas de León e da Galiza teñen dúas vertentes complementarias. Por unha banda eses grupos armados, por outra a base social que os apoiaba. Nesta zona, a loita antifranquista desenvolveuse nas vilas e nas cidades. A sociedade civil participa de forma activa na estratexia da resistencia, xa que se organiza nunha guerrilla do chan cos servizos de información republicana. Esta áncora social constitúe un trazo que singulariza a cultura resistente da Federación de Guerrillas de León-Galiza. 

Con todo, as guerrillas que xorden no Estado español após 1944, e a experiencia frustrada de Reconquista de España encabezada polo Partido Comunista de España (PCE), estrutúranse seguindo o modelo militar doutras experiencias de resistencia armada en Europa; isto é, impondo aos grupos armados distancia coa sociedade civil, por exemplo cos campamentos illados, e formas de xerarquía que eu non coñecín nas guerrillas nas cales participei.

Salienta no seu traballo co que se vai abrir o coleccionábel da guerrilla en Nós Diario o carácter de “movemento plural” e destaca a cultura política que foi capaz de crear. A que se está referindo con iso?

Cando evoco as miñas guerrillas como un “movemento plural” refírome ao carácter pluralista da Federación e do grupo da II Agrupación do Exército Guerrilleiro, onde combatín desde 1947 até 1951. Reuníanse aí resistentes de varias sensibilidades políticas. Falando de “movemento plural” refírome tamén á existencia de formas de loitas variadas e ás iniciativas non só dos combatentes en armas senón tamén dos enlaces.

Formou parte primeiro, da Federación de Guerrillas da Galiza e León e posteriormente da II Agrupación do Exército Guerrilleiro da Galiza. Que diferenzas atopou entre as dúas etapas?

Como o dixen antes, a Federación de Guerrillas de León e Galiza xorde desde abaixo, como un movemento unitario moi ancorado na sociedade. Eu fun enlace desa Federación. Na II Agrupación do Exército Guerrilleiro, creado e controlado polo PCE, mantivemos, con todo, a cultura de resistencia herdada da Federación. Esa cultura era moi diferente da cultura de aparello que quixeron impoñernos os enviados da dirección do PCE, baseada na disciplina militarista clásica e desvinculada coa sociedade que apoiaba a loita.

Coincide a publicación deste traballo nun momento no que o Goberno vén de presentar o seu proxecto dunha nova lei de memoria. Que valoración fai da mesma e que consideración ten da súa utilidade?

Neste momento, o proxecto de nova lei aínda non esta ultimado. Xa veremos. Pero se existe este proxecto é porque a esixencia da memoria democrática fixo camiño desde hai varias décadas grazas á participación do movemento asociativo que instou as institucións con amplas reivindicacións e coa súa demanda de verdade histórica, xustiza e reparación. Hoxe día é necesario mobilizarse para crear unha correlación de forzas capaz de facer que o Goberno do Estado español dite unha Lei da memoria verdadeiramente democrática e reparadora. 

"As guerrillas galegas ao descuberto"

O vindeiro 2 de novembro sae a rúa con Nós Diario un novo coleccionábel sobre a memoria democrática galega. A publicación, que se vai distribuír co xornal de segunda a quinta feira ao longo dos meses de novembro e decembro, recolle 36 traballos sobre a loita guerrilleira na Galiza durante os anos do primeiro franquismo. O seu obxectivo é botar luz a respecto dun período da historia do país sempre incómodo ao poder, así como favorecer un debate público sobre unha materia que a oficialidade continúa mantendo nas marxes.



https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/francisco-martinez-movemento-guerrilleiro-permitiu-manter-viva-mobilizacion-antifascista/20211028204325131439.html

jueves, 21 de octubre de 2021

A loita da guerrilla galega ao descuberto

 ‘Nos Diario’ publicará nos meses de novembro e decembro un coleccionábel sobre a guerrilla


O vindeiro dous de novembro sae á rúa un novo coleccionábel en Nós Diario. Trátase dunha achega á guerrilla galega e á súa loita contra o franquismo durante preto de dúas décadas. Os traballos son da autoría de 30 investigadores e o primeiro número está asinado por Francisco Martínez “Quico”, o único militante vivo das guerrillas galegas.


Os guerrilleiros, Arcadio Ríos, Cesar Ríos, Victorino Nieto e Silverio Yebra en 1944 ás beiras do río Sil. Foto:Nós Diario

Xacobe Ferreiro

10:04 do 16 de outubro de 2021


O vindeiro dous de novembro sae a rúa unha nova achega de Nós Diario sobre a memoria democrática galega. A publicación, que se vai distribuír co xornal da segunda a quinta feira ao longo dos meses de novembro e decembro, recolle 36 traballos sobre a loita guerrilleira na Galiza durante os anos do primeiro franquismo. O seu obxectivo é botar luz respecto dun período da historia do país sempre incómodo ao poder e favorecer un debate público sobre unha materia que a oficialidade continúa mantendo nas marxes


A nova entrega conta coa participación de arredor de 30 investigadores de diversas xeracións e procedencias. Algúns deles fan parte das primeiras fornadas que comezan a estudar a  guerrilla nas diversas comarcas da Galiza a comezos dos anos 80, outros destacan pola súa mocidade, uns proceden do ámbito académico e outros do ámbito social. A publicación está coordinada por Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Xosé Ramón Ermida e Xoán Carlos Garrido.


Os autores

Os traballos deste caderno son da autoría de Francisco Martínez, de Bernardo Maiz, de Xoán Carlos Abad Gallego, de Paula Godinho, de Carlos Nuevo, de Lupe Martínez, Xosé Álvarez, de Odette Martínez-Maler, de Afonso Eiré, de Alejandro Rodríguez, de Adrián Marzoa, de Manuel Pazos, de Blanca e Julián Campos, de Félix García Yáñez, de Fernando Vidal, de Ramón García Piñeiro, de Manuel Igrexas, de Xabier Moure, de Carlos Parrado, de Francisco Macías, de Victor García, de Manuel Conde, de Ana Cabana, de David Simón, de Javier Quintas, de Carlos Tejeriza, de Xoán Carlos Garrido, de Xosé Ramón Ermida, de Eliseo Fernández e de Dionisio Pereira.


A publicación achega información sobre actividade guerrilleira en 13 comarcas e localidades galegas. A Raia Seca, A Mariña, Ordes, Costa da Morte, O Deza, Vigo, Pontevedra, A Ulloa, Os Ancares, Valdeorras ou Ribeira Sacra son algunhas das zonas obxecto de estudo. Ao tempo, repárase na traxectoria dalgúns dos protagonistas máis significados da resistencia armada como Luis Trigo “O Gardarríos”, José Castro Veiga “O Piloto”, Abelardo Macías “O Lebre”, Victor García “O Brasileiro”, Juan Sorga, José Gómez Gayoso ou Antonio Seoane.


O coleccionábel conten todo un bloque de investigacións de carácter máis transversal. Así, Odette Martínez-Maler achégase á participación da muller na resistencia armada á ditadura, Ana Cabana estuda toda a estrutura de enlaces e o seu papel decisivo na conformación do aparato clandestina, David Simón debuxa o papel dos sanitarios nas redes de apoio e Carlos Tejeriza analiza as novas experiencias de arqueoloxía e guerrilla. Asemade, a publicación repara nas ideoloxías presentes entre a militancia da guerrilla, analizando Bernardo Maiz a contribución dos comunistas, Eliseo Fernández a dos libertarios, Javier Quintas a dos socialistas e Xosé Ramón Ermida a dos nacionalistas.


A opinión de ‘Quico’

A primeira entrega da publicación é da autoría de Francisco Martínez “Quico”. “Quico”, único militante vivo da Federación de Guerrillas de Galiza e León e do Exército Guerrilleiro da Galiza, destaca o “carácter plural da guerrilla galega”. Neste sentido, en 2016 ten sinalado nunha entrevista a Sermos Galiza que “a diferenza doutros lugares do Estado aquí houbo unha dinámica anti-franquista que non estaba sometida a consignas de ningún partido. Aquí, xa na orixe da guerrilla, esta era plural, había xente de moi diferentes partidos. E esa cultura foi a que predominou polo menos nunha parte do que despois foi o Exército Guerrilleiro de Galiza. E esa cultura non estaba noutras partes”.


Un dos coordinadores da publicación, o historiador Dionisio Pereira afirma a Nós Diario que “móvenos un impulso xusticeiro, co que tentamos solucionar o problema que se xera coa guerrilla, actualmente esquecida non só nos círculos académicos senón tamén polo movemento da memoria”. Segundo Pereira, “unha mostra deste esquecemento atopámolo na Lei da memoria de 2007 e no proxecto de lei actualmente en tramitación, onde a guerrilla practicamente non existe”. Na mesma liña, defende “situar na súa xusta importancia a resistencia armada ao franquismo”.


“O que nos interesa é dar unha visión poliédrica da guerrilla e non a dun mero grupo militar dirixido por un partido, neste caso o Partido Comunista”, mantén Pereira, quen considera que “esa diversidade comeza a estar explicitada nesta publicación, unha liña que entendo débese seguir explorando en traballos futuros”. Pereira, recoñecido historiador no ámbito da memoria democrática galega achega a este coleccionábel unha entrega sobre a guerrilla da Raia Seca e un artigo, en parcería con Eliseo Fernández, sobre a guerrilla primitiva.


“A Galiza combatente”

“A actividade guerrilleira contra o franquismo durante anos amosa a existencia dunha Galiza combatente cuxa memoria debemos recuperar”, afirma Dionisio Pereira, quen pon en valor o patrimonio político das diversas formas de oposición á ditadura, nomeadamente a guerrilla. Precisamente, o silencio arredor desta é un síntoma sobre o seu carácter molesto para a oficialidade  


https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/loita-da-guerrilla-galega-ao-descuberto/20211015200446130726.html