martes, 20 de diciembre de 2016

“En Galiza creouse a primeira estrutura de resistencia armada ao franquismo”

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/memoria/galiza-creouse-primeira-estrutura-resistencia-armada-ao-franquismo/20161216194833053584.html

FRANCISCO MARTÍNEZ LÓPEZ ‘QUICO’
“En Galiza creouse a primeira estrutura de resistencia armada ao franquismo”

 C.T / X.M.P.  18 Decembro 2016 09:25 h.

Imaxe do filme documental 'La guerrilla de la memoria'  

Berciano da colleita de 1925, comunista, integrante da Federación de Guerrillas Galiza-León, desde onde combateu o franquismo antes de ter que fuxir a Francia en 1951. Defende a ‘singularidade’ da guerrilla galega a respecto doutras que operaron no Estado. Pide ao PCE, no que milita desde case hai 70 anos, que recoñeza e rehabilite os guerrilleiros executados sumariamente por orde do propio partido.

Francisco Martínez López “Quico”, naceu no Bierzo en 1925, incorpórase  á guerrilla en 1947, permanecendo na mesma até 1951, ano que canda outro compañeiros, se exilia en Francia. Militante do Partido Comunista desde hai perto de 70 anos, é un destacado activista do movemento de recuperación da memoria histórica, téndose significado ultimamente na denuncia dos métodos  utilizados pola dirección do PC na guerrilla, que incluían  mesmo a eliminación física dos seus compañeiros de loita.

- Coa perspectiva do tempo transcorrido, 80 anos desde o alzamento fascista e máis de 60 desde o cesamento da actividade guerrilleira, que valoración fai do traballo desenvolvido pola guerrilla en Galiza e da súa significación política?

- En Galiza e León creouse co golpe de estado unha resistencia cos medios que se tiñan. Primeiramente foi o fuxir da represión mais inmediatamente constituíronse grupos que se dedicaron a loitar, non había unha fronte mais había loita anti-franquista, había unha resistencia. Esas características, que se desenvolven en investigacións, mais nós que a vivimos, vivímola con todo o que se herdaba tamén daquel primeiro período da II República, que era o referente fundamental. Era o referente daqueles anos nos que estaba en xestación unha nova época en España e no que a sociedade non estaba disposta a perdela embora a represión e todos os inconvenientes.

Iso fundamentaba a vontade de resistir ao franquismo. Iso nunha primeira etapa, mais despois a estrutura que se xerou de guerrillas elaborou xa un plan de resistencia a longo prazo. Xa acabara a guerra civil e, sen embargo, en Galiza créase a primeira estrutura de resistencia armada, que foi a Federación de Guerrillas Galiza-León. Había, pois, unha estratexia que xurdía do pobo, eu niso insisto moito porque hai unha especie de manipulación histórica en torno a que a guerrilla foi inventada por algún xenio político desde o exterior. Boa parte das versións que se fan da guerrilla fálase da guerrilla desde o 1944 para adiante, como se se inventasen desde París ou Moscova, e iso é mentira.

Eu vivín a resistencia desde neno, e hai unha resistencia popular a carón do movemento armado, unha resistencia contra o réxime, contra o sistema. E eses elementos non se teñen en conta cando se dá o concepto de guerrilla ao non inserila dentro de toda unha sensibilidade popular, unha opción republicana. A guerrilla non se pode ver fóra do que foi o triunfo da II República en 1931, o protagonismo do pobo por superar aquela etapa histórica, e logo despois a resistencia ao franquismo.

- Vostede tense referido en diversas ocasións ao que califica como 'carácter singular' das guerrillas galegas. En que consiste esa singularidade e cales son os aspectos diferenciais da actividade guerrilleira en Galiza en relación coa loita que se producía noutros territorios do Estado?

- A singularidade é que houbo unhas guerrillas que foron importadas, na parte de Levante e outros lugares do estado, tiñan un carácter puramente militar, de 'reconquista de España'. A guerrilla en Galiza-León é unha emanación do pobo, era unha guerrilla na que había miles de implicados na sociedade. Iso dálle esas outras características, facían valer os valores republicanos, facía valer a participación, o movemento popular, que non aparecía con moito relevo, mais, bon, eu de neno xa coñecía a guerrilla, até que fun maior. Mais unha grande parte de operacións que se atribuían á guerrilla eran organizadas do pobo. Ese fenómeno non se deu nin en Levante, nin en Andalucía. Alí, o triunfo víase como militar mentres que nós asumiamos que militarmente non poderiamos acabar co réxime de Franco mais faciamos un traballo de conciencia popular en torno á propia liberación do pobo.

A diferenza doutros lugares do estado aquí houbo unha dinámica anti-franquista que non estaba sometida a consignas de ningún partido. Aquí, xa na orixe da guerilla, esta era plural, había xente de moi diferentes partidos. E esa cultura foi a que predominou polo menos nunha parte do que despois foi o Exército Guerrilleiro de Galiza. E esa cultura non estaba noutras partes. Nós esa cultura que adquirimos fixémolo na Federación de Guerrillas, plural, se ben despois, xa co Exército Guerrilleiro, houbo problemas, quería obedecer a consignas que viñan de fóra, quíxose impor unha política, por dicilo así, de partido. E iso xerou conflitos e iso eu denuncieino desde un primeiro momento.

- Cando se fala da actividade guerrilleira é inevitábel que se lembren nomes e personaxes de importancia. Mais, como era o días a día dun militante da guerrilla? Como axudou o pobo a esa resistencia armada?

- O pobo axudou porque había unha motivación. A guerrilla en Galiza e Leon xorde desde o primeiro momento co apoio de familiares, de amigos, da sociedade. Era unha guerrilla que non estaba á marxe da sociedade. O feito de vivir co pobo, a túa motivación, que é política, é unha escola permanente. Créanse unhas ligazóns de convivencia na clandestinidade: o compañeirismo, a relación humana, toma unha consideración superior. Era outra forma de concebir as relacións, con ese perigo ás portas.

E aí é importante falar do papel da muller. Non se comprende o papel da muller como fundamental no apoio da guerrilla se esa guerrilla non sae do circuito militar e se insire no círculo político e de convivencia social. Se viviamos nas casas, se a miña nai e as miñas irmás estaban coma min canda rapaz, colaborando coa guerrilla, automaticamente elas son tan guerrilleiras coma min ou coma outros. É unha loita partillada entre mulleres e homes, entre a xente guerrilleira na ilegalidade, con armas, e as outras persoas, que eu chamo 'guerrilleros del llano', que non levaban armas.

Mais esa compoñente os partidos políticos non o estudaron nin asumiron, bon, non asumiron nin sequer a loita armada en xeral. Alomenos, cando se falou diso, cando había aquela propaganda do PCE ou no Mundo Obrero de que a guerrilla e tal, era simplemente en termos de confrontación militar, non entraban nesa outra dimensión política, cultural, republicana  dun pobo que se asume como anti-franquista. Por iso, isto despois trae consecuencias no momento de recoñecer a derrota, porque foi unha derrota militar. Entón, automaticamente, ese propio Partido abandona o seu patrimonio, que non era só militar mais tamén político, e que debía constar no patrimonio do Partido como unha das loitas pola emancipación da sociedade.

- E que pode lembrar daqueles anos seus na guerrilla?

- Eu incorporeime no Bierzo en 1947. Pouco despois tivemos unha xuntanza en Monforte, en Chavaga (1), onde tivo lugar o enfrontamento coa Garda Civil,  a caída. Alí fixemos a nosa adhesión, eramos da Federación de Guerrillas, que se extinguía por unha serie de razóns, onde teño que dicir que eu non estou de acordo con moitas versións históricas que se dan sobre aquela extinción, que falan de loita de hexemonías. O que houbo foi que naqueles anos xa non había perspectivas de intervención militar estranxeira en España e abríanse opcións diferentes. E a Federación de Guerrillas tiña un compoñente plural, había anarquistas e socialistas. E pensaron que había que cesar a loita armada para que se resolvese a cuestión vía diplomacia  vía Francia, Reino Unido ou Estados Unidos. Os comunistas pensamos que non, que había que seguir a loitar. Non triunfou o deles nin triunfou o noso.

No 47, cando os compañeiros socialistas estaban pensando en se ir decidimos ingresar no Exército Guerrilleiro de Galiza, que se creara fundamentalmente no 46, coa agrupación da Coruña, a IV Agrupación. Entón alí, en Chavaga, onde estaban dirixentes como Seoane, optamos por ser Exército Guerrilleiro de Galiza, tamén as nosas agrupacións. Tiñamos cinco guerrillas, cuns 30 ou 40 compañeiros. A partir de aí interveñen certos elementos que baten coa nosa cultura da pluralidade e de que eramos unha guerrilla co pobo, non eramos militaristas. O concepto que xa quixo introducir, sobre todo o 'Coronel Benito' (Manuel Soto) (2) e compañía, que viñan mandatados desde París por Santiago Carrillo, era de militarizarnos e ter un comportamento diferente, un pouco co esquema que tiveran na Unión Soviética, que el fixera a guerrilla alí, ou o que fixeran en Francia contra os nazis... Mais iso non tiña nada a ver co noso, nós eramos unha guerrilla emanada do pobo, onde a maior parte de nós nin participaramos na Guerra Civil, eramos moi novos daquela. Nós non tiñamos esa tradición, nin o pobo a aceptaba. Nunha casa onde estabas de refuxio ti non vas dándote de soldado que vés de fóra para conquistar España, non. Ti es un máis, un fillo do pobo e es coma eles. Así pois, o trato, a cultura que eles propoñían é totalmente diferente. Aí chocamos de inmediato, xa tan pronto caen os de Chavaga, que era o elemento central da nosa dirección. Démonos conta que iso, o que traían, non era o noso, que a cantidade de xente que nos apoiaba non admitía, e así nolo dicían, esa cuestión. Esa nova estratexia para nós estaba condenada ao fracaso, porque non mantén os vínculos coa sociedade, e entón, a quen queres defender? Que fas aí? A sociedade ten unha sensibilidade e hai que estar con ela. E de aí viñeros os conflitos

- A que conflitos se refire?

- No 49 mataron dous compañeiros da agrupación, 'Cardeña' (3), un veterano que se incorporara á guerrilla cando os traballadores do wolfran de Casaio, e Ceferino Rodríguez 'Bailarín' (4), un rapaz que se incorporara polo 44 ou 45. Cando cae a nosa dirección en Chavaga un grupo quería controlar todo o que ficaba da II agrupación, e 'Saúl' (5) e 'Emilio' (6), mandados desde a Coruña, veñen a coñecer a nosa experiencia, levámolos á Cabreira, Ourense... e cando nos decatamos montaran un sistema e asasinan a Cardeña, sen máis. Nós reaccionamos perante iso. Levaron a 'Bailarín' e aos tres días apareceu morto no sur de Ourense. Aí nós, canda outros compañeiros, tomamos a determinación que estaban pola parte de Chavaga e esa zona de Lugo de rachar contundentemente con toda esa xente.

- Nunha carta pública á dirección do seu partido, milita no PCE desde 1945, denunciaba o proceso de depuración levado adiante polo 'carrillismo' e a dirección do Partido Comunista nas organizacións guerrilleiras. A que considera que se debeu esa decisión de depurar as guerrillas e que se procuraba coa mesma?

- Esa minoría mandada desde París, que viñan controlar unhas guerrillas que existían desde 1936, actuaba dunha maneira autoritaria. Cando alguén lles estorbaba, quitábano de enriba, asasinábanos. Houbo asasinatos na Coruña, eu sei de algúns, non de todos. Por exemplo, o asasinato do responsábel da Internacional Comunista, que enviaron a Portugal para organizar o Partido e as guerrillas en Pontevedra, e era da 'vella garda'. Hai que ter en conta que había unha pugna pola dirección do PCE entre a que marchou fóra cando acabou a Guerra Civil e que cando acabou a II guerra  mundial quixo volver facerse cargo do Partido e a que estaba dirixindo o partido desde Francia, con Monzón á fronte. Acusaban os veteranos da guerrilla de traidores, de provocadores, e esa era a desculpa para liquidalos, para depuralos. A partir de aí levantan toda unha campaña contra o 'monzonismo' como se fosen traidores á causa. E os que estaban organizados anteriormente, os veteranos, sóbranlles, e hai que eliminalos.

Na miña agrupación, e eu denuncieino naquel momento, mataron dous compañeiros. Matáronos os elementos que viñeron da Coruña, os famosos 'Saúl' e 'Emilio', que se encargaron de transmitir, eran os axentes do 'Coronel Benito', e como querían impor o seu criterio, cando tiveron ocasión, mataron dous compañeiros. A partir de aí a nosa agrupación racha con eles. A nosa era a II agrupación, se ben eles crearan unha II agrupación 'artificial', que non era a nosa, a constituída en outubro do 47 en Chavaba polos guerrilleiros que viñamos da Federación de Guerrillas. Mais eles, un pouco con esa intención de negar o anterior, inventaron a II agrupación bis, onde crearon un grupo de mozos, onde os que non morreron pola policía os mataron eles.

Nós, tan pronto vimos todo iso, rachamos con eles; e nós tiñamos León, Ourense e Lugo, zonas que ese grupo que viña da Coruña non coñecía. Eles estaban mandatados desde París. Se vas aos arquivos do PCE, a maior parte dos informes pasan na IV agrupación, eles eran os que tiñan o contacto co Partido, os que estaban por esquecer o outro movemento guerrilleiro. Había unha III agrupación da Federación de Guerrillas e eles crean unha III agrupación bis. Iso fai, por exemplo, que 'O Piloto' (7) que estaba nesa agrupación, pase a se incorporar á II agrupación, á nosa, porque non está de acordo con eles, non compartía eses métodos

- Nesa mesma carta denuncia o que cualifica de “métodos repugnantes utilizados pola dirección do PC na guerrilla e mesmo da eliminación física de compañeiros. Casos como o de Víctor García 'O Brasileiro'...

- Eu síntome con autoridade, e así o digo nesa carta, no momento no que coñezo o fillo de 'O Brasileiro' e el descobre onde está o seu pai. El diríxese á dirección actual do Partido para que lle expliquen os motivos polos que mataron o seu pai e non lle contestan, non lle fan caso. A xente de hoxe da dirección claro que non está implicada naquilo! Mais teñen a obriga, se están á cabeza do Partido, de ser receptores do que di o fillo dunha vítima inxustamante asasinada no nome do PCE. Teñen a obriga. Entón, eu, quixen intervir, e diríxome á dirección do PCE unha vez, e outra vez, e outra... e fanme o mesmo que ao fillo de 'O Brasileiro', non contestan. Na Transición houbo a actitude de ocultar, tamén os nosos propios defectos e automaticamente iso converxe coa parte franquista que tamén na Transición quixeron ocultar o pasado . O Partido non recoñeceu a loita guerrilleira nin o sofremento do pobo e parece como que a democracia é unha cousa que a trouxo o rei, Felipe González, Adolfo Suárez e Santiago Carrilo. Así estamos, ausentes de memoria, ausentes de xustiza.

Entón, eu diríxome á dirección do PCE nese sentido. Se eu me incorporei á loita pola memoria histórica, desde que o PCE non foi quen de facer valer aquela época, e os partidos están ausentes nunha tarefa como esta, fundamental para saber a historia, de onde vimos. Eu diríxome á dirección con autoridade para dicir que este home, o fillo de 'O Brasileiro', ten dereito a que lle expliquedes o por que. Houbo procedementos de depuración que son inadmisíbeis nun partido que se chama Partido da Liberdade. Non entendo porque o PCE se nega a condenar estes feitos.


Notas a rodapé

1) Chavaga. Parroquia do Concello de Monforte  de Lemos onde en abril de 1949 serán asasinados no marco dun enfrontamento armado coas forzas de seguridade fascistas os guerrilleiros Evaristo González “O Roces”, Gregorio Colmenero “O Porreto”, Guillerme Morán “O Asturiano” e Xulio Acebo “O Guardiña” e os seus enlaces Luísa López Centeno ,María López Casanova e o seu irmán Ramón.

2) Coronel Benito é o nome que utilizou na clandestinidade o mugardés Manuel Fernández Soto, militante comunista, que após participar na Guerra Civil, loitaría contra o exercito nazi na Unión Soviética e en Romenia, facendo parte do NKVD, antecedente do que foi a KGB. Desprazado a Galiza a finais de 1945, será un dos máis importantes dirixentes da guerrilla en Galiza, onde foi sinalado como un dos máximos responsábeis da súa depuración interna, sendo asasinado a mediados de 1949 após a súa expulsión do PCE.

3) O Cardeñas é o nome co que era coñecido na guerrilla galega o antifranquista andaluz Miguel Cardeñas Lozano, antigo oficial do exército popular e militante do Partido Comunista, incorporase á guerrilla en 1944, após de fuxir do campo de traballo das minas de Casaio, permanecendo na mesma até 1949, ano no que é executado en Carballeda polo seu compañeiro de loita Saul Maio, seguindo as directrices da dirección do PCE.

4) O Bailarín é o nome que utilizou na clandestinidade o guerrilleiro de Casaio Ceferino Rodríguez Arias, xornaleiro de afiliación libertaria, que se incorporou á guerrilla en 1943 permanecendo na mesma até 1949, ano no que é executado en Vilariño de Conso polos seus compañeiro de loita Saul Maio e Emilio Villarinos, seguindo as directrices da dirección do PCE.

5) Saul Maio Méndez, canteiro e veciño de Mesía, incorporase a guerrilla na zona de Ordes da man de Manuel Ponte, converténdose en 1946 no máximo responsábel da II Agrupación do Exercito Guerrilleiro de Galiza. Abatido en 1950 en Mangoño, no antigo Concello de Cesuras, pola Garda Civil, participara con anterioridade nas operacións de depuración da guerrilla, seguindo as indicacións da dirección do PCE.

6) Emilio Villarinos, natural de Curtis e membro do corpo de Carabineiros, pasase a clandestinidade en 1936, partillando accións co “Foucellas”, converténdose co tempo no máximo responsábel do destacamento guerrilleiro Santiago Álvarez e adxunto á xefatura da IV Agrupación. Persoa de confianza do “Coronel Benito”, participou activamente nas operacións de depuración da guerrilla, seguindo as indicacións da dirección do PCE, morrendo posteriormente nun enfrontamento armado coa Garda Civil.

7) O Piloto é o nome que utilizou na clandestinidade o guerrilleiro do Corgo Xosé Castro Veiga, que após participar na Guerra Civil, incorporase á guerrilla en 1945, permanecendo na oposición armada contra o franquismo até a súa morte nun enfrontamento armado en 1965 preto do Encoro de Belesar.

8) O Brasileño é o nome co que era coñecido na clandestinidade,  o dirixente comunista Victor García Estanillo. Nado en Asturias, fixo parte do Partido Comunista do Brasil e do PCE, participou na guerra civil, sendo enviada ao final da mesma como delegado da Internacional Comunista ao norte de Portugal, pasando posteriormente a reorganizar o PC no sul de Galiza até acadar a máxima responsabilidade da organización no País. Será asasinado en Abril de 1948 en Moalde, Concello de Silleda, por un grupo de guerrilleiros atendendo ás directrices do comité central do PC.




No hay comentarios:

Publicar un comentario