Odette Martínez-Maler: “Máis da metade dos enlaces da guerrilla eran mulleres”
Odette Martinez-Maler, doutorada na Universidade de Nanterre en París cunha tese sobre a memoria das guerrillas na Galiza e León, promotora do filme A Illa de Chelo e autora de diversas investigacións sobre a muller na guerrilla, achégase a este tema o 17 e 18 de novembro en Nós Diario.
Cales foron os principais motivos que levaron ás mulleres á incorporase á loita guerrilleira?
Os testemuños recollidos amosan que a distribución dos roles no seo da guerrilla, reproduciu en parte as asignacións de xénero. Nos suxiren que a cultura patriarcal, tanto como as necesidades obxectivas, semella ter orientado a natureza das accións asumidas polas resistentes. As mulleres enlaces fixéronse cargo, xa se veu, de tarefas domésticas escuras e minúsculas, inducidas polos roles sociais tradicionais, subordinadas ás accións mais visíbeis, reservadas aos homes como abastecer aos clandestinos de comida, recibir mensaxes, coser de falsos uniformes de gardas civís, estafetas clandestinas...Daquela, frecuentemente as mulleres non tiñan máis que unha relación indirecta coa loita armada propiamente dita, senón unha repartición sexuada dos roles. As poucas mulleres que decidían levar armas declaran que elas tiñan, nun plano estritamente militar, un estatuto particular, defensivo. Loita armada e feminidade eran inconciliábeis. De feito, os responsábeis– socialistas e comunistas – non eran favorables á presenza de mulleres no seo dos grupos armados. Atéñome, neste punto, tanto aos informes de cadros políticos enviados “in situ” á dirección do PCE e conservados no arquivo histórico do partido, como ao testemuño do socialista Marcelino Fernández Villanueva « O Gafas », xefe do Estado Maior da Federación de Guerrillas de Léon-Galiza.
A represión contra as mulleres presentou unhas formas específicas , cales foron as súas características e o alcance da mesma pola súa participación na guerrilla?
As mulleres da guerrilla eran dobremente culpábeis aos ollos dos franquistas, culpábeis de se opor á ditadura e culpábeis de traizoar a misión atribuída ás mulleres, tal e como era prescrita pola igrexa e a Falanxe. Culpábeis de haber transgredir a xerarquía dos sexos. Foron, pois, vítimas dunha represión sexuada que tiña unha función de exemplaridade. Esta represión era non só sexuada máis tamén sexual. A rapa, a inxestión de aceite de ricino, a tortura, a violación que padeceron, apuntaban precisamente a súa feminidade. Estas mulleres foron obxecto dun estigma específico que lles rebaixou, en razón do seu sexo, a súa calidade de resistentes. Elas contan, en particular, como foron sinaladas pola propaganda franquista como “dexeneradas” e as “putas dos vermellos”. Ademais, como afirma o historiador Julio Prada Rodríguez, a porcentaxe de mulleres presas fora de todo procedemento xurídico é considerábel e incomparabelmente máis grande que a dos homes. Moitas mulleres foron periodicamente encadeadas sen xuízo e interrogadas, mesmo torturadas, en prisións provinciais ou comisarías antes de ser postas en liberdade para servir de engado antes de ser detidas de novo, pero sen ser xulgadas. O que non deixou de ter consecuencias sobre o recoñecemento do seu rol histórico e sobre as reparacións ás que elas poderían ter dereito.
Afirma no seu traballo que “os relatos históricos da guerrilla que reducen esta á súa faciana militar e estreitamente militante contribúen a facer invisíbel a guerrilla das mulleres”, a que se esta referindo?
Os relatos históricos da guerrilla que a reducen á súa faciana militar e militante nun sentido estreito, que tenden a identificar experiencia resistente e pertenza partidaria aos aparatos político-militares, contribúen, en efecto, a volver invisíbel esta guerrilla das mulleres que se desenvolve noutros espazos, baixo outras formas, con outros móbiles e que se dicía - e se di se acaso aínda - con outras verbas que as dos resistentes. Estes relatos históricos condenan ao esquecemento a súa “resistencia no fogar” que implicaba outros repertorios de acción, outros referentes no referido a culturas políticas distintos aos que dominan dende os altos estados maiores políticos ou militares. En certa maneira, estes relatos deixaron o campo libre senón á descualificación, cando menos á súa non recalificación de mulleres resistentes. Mulleres ás que nas obras de certos eminentes historiadores expertos nesta guerrilla, como Hartmut Heine, por exemplo, se rexeitou cualificalas de "guerrilleiras" co pretexto de que elas participaron pouco nos enfrontamentos militares.
https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/mais-da-metade-enlaces-da-guerrilla-eran-mulleres/20211114173349132387.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario